O Concello da Laracha iniciou a sexta campaña de intervención arqueolóxica no Castro de Montes Claros

Consolida así unha liña de traballo continuada orientada á investigación, conservación e posta en valor deste destacado enclave patrimonial.

O Castro de Montes Claros, cunha superficie de 4,5 hectáreas e de titularidade municipal, constitúe un amplo recinto fortificado da Idade do Ferro que presenta unha ocupación moi prolongada no tempo, desde o século IV antes de Cristo ata os primeiros momentos da alta Idade Media. Esta continuidade histórica converte o xacemento nun referente para comprender a evolución do poboamento na bisbarra de Bergantiños e na Costa da Morte.

Desde as primeiras escavacións arqueolóxicas realizadas no ano 2021, e que permitiron avanzar de maneira significativa no coñecemento do sitio, os traballos desenvolvidos fixeron posible a aparición de elementos de grande interese, como un camiño empedrado de acceso á croa, dous torreóns e parte dun foxo escavado na rocha, que evidencian a complexidade do sistema defensivo do castro. Nesta nova campaña, os esforzos céntranse na localización dunha das portas monumentais, así como na análise das fases de ocupación galaico-romana e tardoantiga. Neste contexto, xa se teñen identificado dúas inhumacións paleocristiás, o que supón un achado de especial relevancia para o estudo das prácticas funerarias do período.

A intervención en Montes Claros forma parte dun plan de xestión integral promovido polo Concello que combina a investigación arqueolóxica coa conservación e a divulgación. Neste sentido, destaca a posta en marcha dunha iniciativa pioneira en Galicia baseada no control ecolóxico da vexetación mediante cinco équidos que habitan o castro, contribuíndo así á protección sostible do espazo, o que foi posible grazas á colaboración coa Asociación Pura Raza Cabalo Galego.

Visitas ao Castro de Montes Claros e á escavación arqueolóxica

Co obxectivo de que a veciñanza coñeza tanto o Castro de Montes Claros como a escavación en marcha e os resultados das realizadas anteriormente, o Concello abre o xacemento á cidadanía cun programa de visitas guiadas da man de Puri Soto, arqueóloga e directora do proxecto de posta en valor do xacemento.

Os xoves 30 de abril e 7 e 14 de maio as persoas interesadas poderán achegarse ás 12:00 horas ata o castro para facer unha visita á escavación durante o desenvolvemento dos traballos arqueolóxicos.

Os sábados 16 e 30 de maio, desde as 11:00 horas, faranse visitas guiadas por todo o castro. Nestes casos, e dado que as prazas son limitadas, requírese inscrición previa, que é gratuíta e abre este mércores, chamando ao 676963062 ou enviando un correo electrónico cos datos persoais a turismo@alaracha.gal.

Con esta nova campaña, o Concello reafirma o seu compromiso coa recuperación e difusión do patrimonio histórico e cultural, apostando por un modelo que combina investigación, conservación e participación social.

Related posts

Carballo confirma unha tendencia ascendente e sostida na súa actividade económica e urbanística

Casa Jurjo de Mazaricos recibe case 175.000 € de axuda autonómica para a mellora da súa eficiencia enerxética 

A Xunta dá luz verde ambiental a un proxecto para o almacenamento de enerxía en Cerceda