Os traballos son executados por Viveiros Amado, a empresa larachesa responsable do mantemento e conservación das zonas verdes ao estar contemplados nese contrato de servizos municipal.
O primeiro punto de actuacións está a ser o campo da feira de Paiosaco, onde xa comezaron a ser podadas a totalidade das árbores integradas nese ámbito que, ademais de contribuír á sustentabilidade e á calidade ambiental da vila, embelecen o que é un dos espazos máis recoñecibles do termo municipal da Laracha como o recinto feiral. Agárdase que neste lugar os traballos se prolonguen durante os próximos días.
Seguindo a planificación prevista, os labores de poda continuarán por outros puntos do municipio. No acceso ao núcleo urbano da Laracha levaranse a cabo na Avenida Fisterra á altura das Torres de Cillobre, así como en parques e prazas -Maximino Canedo, Concello e O Recreo- nos que así se estime oportuno. A campaña tamén chegará a Caión e ás parroquias rurais como Montemaior (praza do Igrexario), Soandres (entorno do mosteiro), Golmar (entorno do Museo dos Muíños), Vilaño (praza da Areosa), Cabovilaño (O Regado), Lendo (O Cruceiro) e Lemaio (praza no Igrexario).
Esta campaña de poda que cada ano desenvolve o Concello da Laracha ten por tripla finalidade a conservación das árbores, mellorar a imaxe e o estado dos espazos públicos e evitar danos por posibles caídas de polas ou outros elementos vexetais.
Obradoiros de poda e enxerto
Por outra banda, ante o rotundo éxito, un ano máis, dos obradoiros de poda e enxerto que comezaron o pasado sábado coa primeira quenda -á que asistiron 25 persoas-, o Concello acordou abrir unha quenda máis para un total de tres de acordo ao volume de laracheses que mostraron o seu interese por participar.
Así, ademais da xa prevista para este sábado, realizarase outra quenda máis o día 31 de xaneiro. Desde o Concello poranse en contacto durante os próximos días coas persoas que se atopan na listaxe de agarda. As inscricións xa están pechadas.