O contrato de maior importe alcanza un orzamento de 68.000 euros. Afecta ás estradas de tres núcleos de poboación da parroquia de Soandres. Tanto no Corgo de Abaixo como na Tapia vai ser renovada a superficie de rodadura dos vehículos, incluíndo a sinalización horizontal para facilitar o tránsito e aumentar a seguridade. Na Millarada realizarase unha actuación similar e tamén será mellorada a rede de recollida de pluviais.
Outro proxecto localízase nas rúas dos Oleiros e Campo da Feira do núcleo urbano de Paiosaco (parroquia de Lestón). A actuación consiste na renovación do pavimento -para o que será preciso acometer un fresado parcial- e a sinalización horizontal, incluíndo o repintado das prazas de estacionamento e dos postos de venda nese sector do recinto feiral. Neste caso o orzamento base de licitación supera os 42.000 euros.
A documentación está dispoñible para a súa consulta na Plataforma de Contratación del Sector Público. As empresas interesadas en concorrer para optar á adxudicación de calquera dos dous contratos teñen de prazo ata o 12 de xuño para presentar as súas ofertas.