O Concello desenvolve ao longo de todo o ano o plan municipal de mantemento e conservación da rede viaria co obxectivo de garantir que as vías municipais se manteñan nas mellores condicións posibles.
Dentro dese plan, están en execución as obras de renovación da superficie de rodadura na rede viaria do núcleo de Bustelo, na parroquia de Vilaño. O alcalde, José Manuel López Varela, e o concelleiro de Urbanismo, Pablo Cambón, desprazáronse ata a zona para supervisar o desenvolvemento dos traballos, que son financiados integramente con fondos propios municipais.
O mantemento en boas condicións da rede viaria é unha das prioridades na xestión municipal tendo en conta a configuración territorial do municipio. A Laracha conta con máis de 300 núcleos de poboación, polo que garantir unhas boas comunicacións por estrada require unha atención permanente e a programación continua de intervencións para a mellora desas infraestruturas atendendo ás necesidades dos diferentes núcleos e favorecendo unhas comunicacións máis cómodas e seguras para a veciñanza.
Despois da intervención en Bustelo, as seguintes que se realizarán de xeito inminente estarán localizadas en Bos Aires e A Balsa (parroquia de Vilaño), O Campo da Ran (Erboedo), Penso (Coiro) e Centulle (Lestón).
