O Concello da Laracha mellorará a eficiencia enerxética do Centro Sociocultural da Insua de Caión

3 minutes read

A Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes vén de comunicar ao Concello a concesión dunha subvención destinada a cofinanciar este proxecto de actuacións. O orzamento total ascende a 146.491 euros, dos cales a Xunta de Galicia achegará 107.063,92 euros ao abeiro da convocatoria de axudas para a realización de obras de eficiencia enerxética en edificios e infraestruturas vinculados á prestación de servizos municipais, cofinanciadas nun 60% pola Unión Europea no marco do programa Galicia Feder 2021-2027. A solicitude de participación do Concello nesa convocatoria fora presentada o pasado día 11 de marzo.

O edificio que será obxecto da intervención foi construído no ano 1970 e actualmente conta con dous espazos independentes; nun está o centro médico de Caión e o outro está a disposición do tecido asociativo da vila, sendo empregado polo Club do Mar, a Asociación Cultural Arume e a Peña Royal, ademais de acoller a actividade de manualidades e pintura ao óleo que organiza o Concello dentro da programación de inverno.

Por ese motivo o alcalde, José Manuel López, a concelleira de Cultura e Deportes, Patricia Bello, e a edil de Sanidade, Rocío López, mantiveron un encontro nas propias instalacións para explicarlles as actuacións a realizar á doutora e á enfermeira do consultorio de Caión -Laura Martínez e Sabela Gómez-, á coordinadora  de enfermería do servizo de atención primaria da Laracha -Ángela Martín- e ao directivo do Club do Mar Pancho Suárez.

O proxecto ten como obxectivo mellorar a eficiencia enerxética e o confort térmico das instalacións. A envolvente carece actualmente dun illamento axeitado, o que provoca perdas de calor a través das fachadas, cuberta e chans, e o sistema de calefacción baseado en radiadores eléctricos resulta pouco eficiente, cun elevado consumo durante os meses de inverno.

As actuacións previstas inclúen a mellora integral da envolvente térmica coa instalación dun sistema de illamento exterior mediante SATE (Sistema de Aislamiento Térmico Exterior). Nas fachadas empregarase poliestireno expandido de 8 centímetros de espesor, que reducirá significativamente a transmisión térmica e mellorará a cualificación enerxética do inmoble. Tamén se reforzará o illamento da cuberta con placas de poliestireno extrusionado de alta densidade, o que contribuirá a manter unha temperatura interior máis estable tanto no inverno como no verán.

O proxecto tamén contempla a substitución dos actuais radiadores eléctricos por un sistema de aerotermia con bomba de calor, moito máis eficiente e respectuoso co medio ambiente, con capacidade para calefacción e refrixeración, así como radiadores de auga con válvulas termostáticas que permitirán regular a temperatura en cada estancia.

A mellora da envolvente exterior reducirá nun 80 % a demanda de calefacción, e a substitución dos radiadores garantirá unha diminución do 42 % do consumo enerxético. Isto permitirá que o Centro Sociocultural da Insua dea un enorme salto cualitativo no seu rendemento global, cumpra cos estándares de eficiencia enerxética requiridos e contribuirá á sustentabilidade ambiental.

O Concello da Laracha agradece á Xunta de Galicia o seu compromiso co municipio facendo posible a execución deste proxecto que mellorará un espazo fundamental para a vida social e comunitaria de Caión.