O Concello da Laracha organiza este sábado unha nova edición da Festa-Homenaxe aos seus maiores

1 minutes read

Será unha xornada de convivencia dedicada ao colectivo dos laracheses que superan os 55 anos de idade, xubilados ou pensionistas que se leva a cabo desde hai máis de vinte anos sempre nun sábado a mediados do mes de maio.

As cifras de inscritos avanzan xa o rotundo éxito de asistencia, xa que se agarda que participen 650 comensais, unha cifra similar ás das edicións anteriores.

A apertura de portas será ás 13:15 h nas instalacións do pavillón do IES Agra de Leborís. Ás 13:45 h oficiarase unha misa. A continuación será o xantar cun menú composto por polbo á feira, xarrete con patacas asadas, postres (tarta de améndoa e xeado) e café. A sobremesa e o baile da tarde estarán amenizadas coa música en directo do Grupo Ritmo.

O Concello organiza cada ano este evento co propósito de facer unha homenaxe ao colectivo ao que vai dirixido, ao mesmo tempo que se lles ofrece unha alternativa de ocio e unha xornada festiva que poderán desfrutar en compañía de familiares, veciños e amigos, reforzando as relacións sociais entre as persoas maiores do municipio.