O Concello da Laracha organiza obradoiros de costura creativa e upcycling téxtil

3 minutes read

O Concello anuncia a posta en marcha durante o mes de outubro dun ciclo de obradoiros de costura creativa e upcycling téxtil para achegar á veciñanza ferramentas prácticas co fin de prolongar a vida útil do noso armario e transformar a relación coa moda a través do deseño circular.

A proposta, que se realizará baixo o lema “Non é roupa vella, é un proxecto esperando comezar”, parte dunha idea sinxela: a peza máis sustentable é a que xa temos. Así, os obradoiros apostan pola economía circular centrada en reparar, transformar e re-imaxinar en lugar de desbotar téxtiles con vida útil.

As inscricións xa están abertas, son gratuítas e deben formalizarse na web municipal de actividades (https://actividades.alaracha.gal/).

Tres sesións para adultos e maiores de 13 anos: aprender a coidar o que xa temos

O ciclo comeza na Casa da Cultura da Laracha con tres obradoiros pensados para quen quere perder o medo á agulla e gañar autonomía coa cosedura:

  • Mércores 7 de outubro, de 18:00 a 20:30 h – Primeiros pasos na costura. Coñecemento das ferramentas básicas, como enfiar a agulla, facer nós de remate e practicar as puntadas fundamentais (ganduxo, punto atrás e sobrefiado). Cada participante elaborará un mostrario de puntadas físico que servirá de guía de consulta.
  • Xoves 8 de outubro, de 18:00 a 20:30 h – Aprende a reparar. Como coser distintos tipos de botóns, colocar corchetes e realizar reparacións e reforzos de costuras para evitar que unha peza remate no lixo por un pequeno estrago que se pode amañar de facilmente.
  • Venres 9 de outubro, de 18:00 a 20:30 h – Baixos e acabados. Toma de medidas, marcado e alfinetado, baixo sinxelo e baixo invisible, con técnicas específicas para o groso do tecido vaqueiro. Cada participante axustará o baixo dunha peza propia traída da casa.

Monicreques de upcycling: o obradoiro dirixidos a rapaces de 6 a 12 anos

O ciclo péchase con tres sesións do obradoiro Monicreques de Upcycling, dirixido a nenos e nenas de 6 a 12 anos. Con calcetíns que quedaron orfos, as crianzas crearán o seu propio monicreque, ao que lle poñerán nome, superpoder e voz, e ao que darán vida cunha historia teatral propia. A actividade traballa a motricidade fina, a expresión oral e a conciencia ambiental, para que os máis novos entendan que o «lixo» de hoxe pode ser o recurso de mañá.

  • Venres 16 de outubro, de 17:30 a 20:00 h – Casa da Cultura da Laracha.
  • Venres 23 de outubro, de 18:00 a 20:30 h – Centro Sociocultural de Paiosaco.
  • Venres 30 de outubro, de 17:30 a 20:00 h – Centro Sociocomunitario de Caión.

Cero residuos téxtiles, máxima creatividade

Estes obradoiros seguen o ciclo de vida do armario: avaliar o estado da roupa, intervir para coser e reparar, re-imaxinar mediante a personalización e, cando a peza orixinal xa non serve, darlle unha nova vida ao tecido. O Concello pretende achegar a formación aos tres núcleos urbanos para fomentar hábitos de consumo responsable e a reutilización desde a infancia.

Os obradoiros van dirixidos a incrementar a coeficiencia na xestión dos residuos de competencia municipal e son cofinanciados pola Unión Europea no marco do programa Galicia Feder 2021-2027.