O Concello da Laracha organiza unha nova excursión dirixida a persoas maiores de 55 anos, xubiladas e pensionistas empadroadas no municipio. Nesta ocasión o destino será a Ribeira Sacra, unha das paraxes máis emblemáticas do interior de Galicia, nunha xornada lúdica, cultural e de convivencia que se desenvolverá o vindeiro día 4 de xuño.
A saída do autobús será ás 7:15 horas desde a larachesa Praza Les Sables d’Olonne. A primeira parada será no miradoiro da presa de Santo Estevo, desde onde os asistentes poderán contemplar unha das paisaxes máis representativas da Ribeira Sacra. Posteriormente o grupo trasladarase ata o embarcadoiro de Santo Estevo para realizar un cruceiro guiado de aproximadamente hora e media polo canón do río Sil. Durante o percorrido ofrecerase a bordo unha cata de viños con denominación de orixe Ribeira Sacra.
A xornada continuará cun xantar nun restaurante. Xa pola tarde realizaranse as visitas ao mosteiro de San Pedro de Rocas e ao miradoiro de Cabezoás, dous dos enclaves máis destacados do patrimonio histórico e natural da zona.
O prezo da excursión é de 45 euros por persoa e inclúe o transporte, o xantar, o cruceiro e todas as visitas guiadas.
O prazo de inscrición permanecerá aberto do 18 ao 20 de maio no Edificio Administrativo da Laracha. As prazas son limitadas e, no caso de que o número de solicitudes supere as dispoñibles, realizaríase un sorteo público o venres 22 de maio ás 10:30 horas.
Con esta iniciativa o Concello continúa promovendo actividades de lecer activo e convivencia social destinadas ás persoas maiores do municipio, favorecendo ao mesmo tempo o coñecemento do patrimonio cultural e paisaxístico de Galicia.