O Concello vai poñer en marcha un programa de tres obradoiros enmarcados no proxecto «O mar de Caión e o plástico: Reflexións dende a Praia», iniciativa que pretende sensibilizar á poboación local e visitante sobre o impacto que os residuos plásticos teñen no medio ambiente mariño e costeiro, así como promover actitudes responsables para a súa conservación.
Os obradoiros serán impartidos por 13 Grados, unha cooperativa galega que achega ás persoas á riqueza e aos segredos do medio mariño. Silvia Iglesias, intérprete mariña e mergulladora especializada en fotografía e filmación submarina, e Sara Carrasco, ilustradora científica e naturalista e mergulladora, serán as encargadas de acompañar ás persoas participantes nesta viaxe para descubrir a riqueza do noso mar e comprender por que é tan importante conservalo.
O programa consta destas tres actividades:
- 22 de agosto: Experiencias inmersivas 360º, vida intermareal e lixo mariño. Os participantes experimentarán o mergullo nos fondos mariños galegos sen mollarse grazas ás lentes de realidade virtual. A experiencia permitiralles descubrir os habitantes das nosas praias, a riqueza da vida intermareal e as principais ameazas ás que se enfrontan.
- 29 de agosto: Mares de plástico. Que se agocha baixo a superficie do mar? A través de vídeos submarinos e dinámicas participativas descubriranse os hábitats e especies que viven nas nosas costas, ao tempo que as persoas que asistan coñecerán os impactos da contaminación por plásticos e a importancia de conservar este valioso ecosistema.
- 3 de setembro: Ilustrando especies en perigo. Dirixido a descubrir a biodiversidade mariña galega desde unha perspectiva artística, observando de preto algunhas das especies que habitan os nosos mares e ilustrándoas con acuarela. Ao mesmo tempo, explicaranse as principais ameazas que afrontan e como podemos contribuír á súa conservación.
Todas as actividades celebraranse ás 11:00 horas no Centro Sociocomunitario de Caión, terán unha duración aproximada de hora e media, están dirixidas a todos os públicos a partir dos 7 anos. As prazas son limitadas, polo que é necesaria a inscrición gratuíta no teléfono 647828510 ou no correo electrónico turismo@alaracha.gal.
Este programa forma parte do proxecto «O mar de Caión e o plástico: Reflexións dende a Praia», promovido polo Concello da Laracha, que inclúe tamén a instalación dunha exposición na praia das Salseiras elaborada con plástico reciclado para favorecer a concienciación sobre o impacto dos residuos plásticos no medio mariño. O proxecto está financiado pola Consellería do Mar da Xunta de Galicia a través do GALP Costa da Morte, cofinanciado pola Unión Europea no marco do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA) 2021-2027.