O Concello da Laracha organiza unha nova excursión dirixida a persoas maiores de 55 anos

1 minutes read

A proposta terá lugar o vindeiro 8 de outubro e permitirá aos participantes coñecer a Mariña Lucense e o occidente de Asturias nunha xornada de convivencia, lecer e achegamento ao patrimonio e á cultura de ambos territorios. Esta nova excursión está dirixida a persoas maiores de 55 anos, xubiladas e pensionistas empadroadas no municipio.

A saída da Laracha será ás 7:00 horas. O primeiro punto de destino será Grandas de Salime, no occidente asturiano, unha localidade estreitamente vinculada á cultura castreña e ao Camiño de Santiago. Alí realizarase unha visita guiada ao seu Museo Etnográfico que reúne e divulga unha ampla mostra do patrimonio e da cultura tradicional das comarcas desa zona de Asturias.

A continuación, o grupo desprazarase ata Ribadeo, onde xantarán nun restaurante. Trala comida, os participantes coñecerán esta histórica vila da provincia de Lugo e percorrerán os seus espazos máis representativos antes de emprender o regreso á Laracha.

O prezo da excursión é de 50 euros por persoa e inclúe o seguro de viaxe, guía, entrada ao museo e o xantar. O Concello asumirá integramente o custo do transporte en autobús.

O prazo de inscrición estará aberto do 23 ao 25 de setembro (mércores a venres da semana que vén), en horario de 9:00 a 14:00 horas, no departamento de Servizos Sociais do Edificio Administrativo da Laracha.

Hai un total de 100 prazas dispoñibles. Terán prioridade para acceder a elas aquelas persoas que non participasen nas dúas últimas viaxes organizadas polo Concello. No caso de que o número de solicitudes supere ditas prazas, realizaríase un sorteo público o martes 29 de setembro para outorgalas.