O Concello da Laracha organiza unha viaxe a Cádiz para maiores de 55 anos, xubilados ou pensionistas

1 minutes read

O Concello organiza unha nova excursión cultural dirixida a persoas maiores de 55 anos, xubiladas ou pensionistas empadroadas no municipio. A viaxe terá lugar do 4 ao 11 de outubro e está pensada como unha oportunidade para descubrir a provincia de Cádiz, ao tempo que se reforzan os lazos sociais e se promove o envellecemento activo, entendendo que a cultura e o ocio tamén son parte esencial do benestar persoal.

Durante eses oito días, os participantes desfrutarán de visitas guiadas á cidade de Cádiz e a outras localidades de gran interese como Chiclana de la Frontera, Jerez de la Frontera, Vejer de la Frontera, Chipiona, Sanlúcar de Barrameda e aos coñecidos “Pobos Brancos” de Arcos de la Frontera, Ubrique e Grazalema. Ademais, a viaxe incluirá paradas culturais en Estremadura, no traxecto de ida en Mérida e no de volta, en Plasencia.

O prezo é de 550 euros por persoa en habitación dobre, en réxime de pensión completa e con todas as visitas culturais guiadas xa incluídas. No caso de habitación individual, o suplemento será de 180 euros. O Concello asumirá o gasto do transporte en autobús.

As persoas interesadas poderán inscribirse entre o martes e o xoves da próxima semana (2 ao 4 de setembro) no departamento de Servizos Sociais (Edificio Administrativo da Laracha). O número máximo de prazas é de 50, que se adxudicarán con prioridade a quen non participase nas dúas últimas viaxes deste tipo organizadas polo Concello. Se houbese máis solicitudes que prazas dispoñibles, celebraríase un sorteo público o venres 5 de setembro ás 11:00 horas na Casa da Cultura.

Con esta proposta, o Concello reafirma a súa aposta por ofrecer ao colectivo das persoas maiores actividades que lles permitan viaxar, aprender, compartir experiencias e seguir sendo protagonistas da vida social comunitaria.