O Concello da Laracha organiza unha viaxe á neve para mozos de 12 a 18 anos

1 minutes read

O Concello anuncia a apertura do prazo de preinscrición para o Finde na Neve que se vai realizar do 10 ao 12 de febreiro e no que se convida a participar a mozos empadroados no termo municipal da Laracha e de idades comprendidas entre os 12 e os 18 anos (nados entre 2005 e 2011).

A iniciativa consiste nunha viaxe á estación invernal de Leitariegos (provincia de León) que inclúe transporte en autobús, aloxamento, pensión completa e a realización dos cursos de esquí.

O prazo de preinscrición está aberto e pecharase o 31 de xaneiro. Pódese tramitar en liña cubrindo o formulario dispoñible na web municipal www.alaracha.gal ou ben acudindo á Casa do Concello.

No caso de que se presenten máis solicitudes de participación que as 25 prazas dispoñibles, para outorgalas realizaríase un sorteo público o 1 de febreiro ás 10:00 horas no Salón de Plenos do Concello.

A cota que deberán aboar os participantes é de 50 euros ao estar subvencionada a actividade polo Concello da Laracha.