O Concello organiza unha nova viaxe cultural e de ocio dirixida a maiores de 55 anos, xubilados e pensionistas empadroados no municipio. Vaise realizar do 19 ao 26 de outubro e o destino será a provincia de Almería.
A iniciativa forma parte da programación de actividades municipais orientadas ao envellecemento activo, ofrecendo a eses colectivos a oportunidade de coñecer novos lugares, desfrutar de propostas culturais e turísticas e, ao mesmo tempo, compartir uns días de convivencia con outros veciños da Laracha.
A excursión inclúe visitas a diferentes puntos de interese da provincia de Almería, entre eles Roquetas de Mar, o Parque Natural de Cabo de Gata-Níjar, a cidade de Almería, Mojácar, Carboneras e o Deserto de Tabernas, onde se visitará Fort Bravo, escenario de numerosas películas do Oeste. Tamén está prevista unha visita a un invernadoiro agrícola para coñecer un dos sectores fundamentais para a economía almeriense e as técnicas de cultivo empregadas.
A viaxe permitirá coñecer outros lugares durante os desprazamentos. Na ida realizarase unha parada en Ciudad Real co obxectivo de facer máis levadeiro o traxecto ata Andalucía, mentres que no regreso haberá unha parada en Segovia antes de continuar cara á Laracha.
O prezo da viaxe é de 590 euros por persoa en habitación dobre, incluíndo transporte, aloxamento, pensión completa e todas as visitas culturais guiadas previstas no programa. O suplemento para habitación individual será de 210 euros. Ademais, o Concello asumirá integramente o custo do transporte, facilitando así o acceso á actividade ás persoas participantes.
As persoas interesadas poderán formalizar a súa inscrición entre os días 24 e 26 de agosto (luns, martes e mércores da próxima semana) no Edificio Administrativo da Laracha. As prazas son limitadas e, no caso de ser necesario para a súa adxudicación, realizarase un sorteo público o venres 28 de agosto ás 10:30 horas.
Con esta nova proposta o Concello continúa a impulsar actividades destinadas ás persoas maiores que combinan ocio, cultura, turismo e convivencia, favorecendo que este colectivo manteña unha participación activa na vida social e desfrute de novas experiencias compartidas.