O Concello da Laracha organizará un novo obradoiro dual de emprego coa colaboración da Xunta

Obradoiro 2025_Arquivo.

O Concello continúa avanzando no desenvolvemento de políticas activas de emprego co obxectivo de mellorar a cualificación profesional da veciñanza e favorecer a súa inserción laboral en sectores con demanda. Nesa liña organizará un novo obradoiro dual de emprego tras recibir a comunicación da concesión da correspondente subvención por parte da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia.

O Obradoiro de Emprego A Laracha X contará cun orzamento total de 673.000 euros, dos que 474.552 euros serán achegados pola administración autonómica. Terá unha duración de nove meses e ofrecerá formación teórico-práctica a un total de vinte alumnos-traballadores distribuídos en dúas especialidades: instalación e mantemento de xardíns e zonas verdes, e traballos de carpintería e moble.

Durante ese período, as persoas participantes estarán vinculadas ao Concello mediante un contrato de formación, percibindo unha remuneración económica ao tempo que adquiren coñecementos e competencias profesionais. Ao remate do programa, obterán o correspondente certificado de profesionalidade, o que contribuirá a mellorar a súa empregabilidade e facilitar o acceso ao mercado laboral. Ademais, reservarase unha partida de 20.000 euros destinada a incentivos á contratación para aquelas empresas que incorporen ao seu cadro de persoal a alumnado que supere o obradoiro con éxito.

Na fase práctica, o alumnado executará actuacións de interese xeral en diferentes puntos do termo municipal. Entre elas inclúense a renovación das pontes de madeira da área recreativa de Gabenlle, as melloras nos parques das Prazas do Concello, O Recreo e da Cultura no núcleo urbano da Laracha, o axardinamento do entorno da reitoral de Montemaior e a adecuación da área verde da urbanización Monte Claro, en Cabovilaño. Estes traballos completaranse coa dotación de novo mobiliario urbano, contribuíndo á mellora da calidade dos espazos públicos e ao seu aproveitamento pola veciñanza.

O obradoiro contará cun equipo de cinco profesionais encargados da súa dirección, formación e xestión, seguindo a mesma estrutura organizativa de edicións anteriores.

No que respecta ao proceso selectivo, o Concello recorrerá ao Servizo Público de Emprego de Galicia para a tramitación da oferta pública destinada á captación do alumnado-traballador. Pola súa parte, a selección do persoal técnico e docente realizarase mediante unha convocatoria aberta, garantindo os principios de publicidade, igualdade e concorrencia.

Related posts

A Xunta vén de solicitar ao Goberno central que suspenda de inmediato a reforma do Regulamento de Costas 

O futuro da enxeñería aeroespacial deuse cita no aeródromo de Cerceda

O IES Maximino Romero de Lema de Baio acolleu unha charla sobre a represión franquista