O Concello da Laracha organizará un novo Programa Integrado de Emprego

Do mesmo xeito que nas edicións anteriores, a duración será de doce meses e o programa irá dirixido a persoas residentes no termo municipal da Laracha que se atopen en situación de desemprego. O obxectivo mínimo de inserción laboral é do 43 %.

A Laracha acollerá por sexta vez un Programa Integrado de Emprego baixo a organización do Concello e co financiamento da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta de Galicia, nunha nova aposta por ofrecer á poboación posibilidades para mellorar a súa formación e incrementar as opcións de inserción no mercado laboral.

En próximas datas o Concello emitirá a oferta de emprego público ao Servizo Público de Emprego de Galicia que, unha vez realizadas as pertinentes sondaxes, procederá a citar aos posibles aspirantes. En total serán cen os participantes, dando preferencia a determinados colectivos (persoas con discapacidade, menores de 30 anos con baixa cualificación, maiores de 45 anos, mulleres, desempregados de longa duración e perceptores de subsidios por desemprego ou renda activa de inserción social).

Recoméndase a aquelas persoas interesadas en participar que contacten co departamento municipal de Emprego acudindo ao Edificio Administrativo da Laracha ou chamando ao 981612811 para garantir a súa participación no procedemento selectivo. Os participantes poderán desfrutar de servizos de axuda á conciliación, unha bolsa de dez euros por día de asistencia e a realización de prácticas en empresas.

O Programa Integrado de Emprego susténtase sobre as bases da información, a orientación, o asesoramento, a formación (específica e transversal), a práctica laboral, a percepción empresarial, as habilidades sociolaborais, o fomento da capacidade de emprendemento e a intermediación laboral. Por tanto, non soamente procura ofrecer aos participantes os coñecementos e a experiencia precisos para acceder a un posto de traballo, tamén promove o autoemprego.

As accións propostas para esta edición son recepción e atención ao cliente, seguridade e hixiene na industria alimentaria, condución de carretilla elevadora, xestión loxística, primeiros auxilios e soporte vital básico, coidados no comedor escolar, operacións de caixa e reposición, introdución á intelixencia artificial, administración e aplicacións informáticas de xestión, coaching, intelixencia emocional e técnicas de motivación na busca de emprego.

Para o desenvolvemento da formación específica realizarase un estudo personalizado de cada participante analizando as súas características persoais e competencias profesionais para crear un itinerario axustado a elas.

En definitiva, o Programa Integrado de Emprego pretende axudar aos participantes a aproveitar as oportunidades laborais existentes no concello da Laracha e na súa área de influencia en sectores con crecente demanda de perfís profesionais. Orientaranse cara eses ámbitos as accións formativas e acompañarase neses itinerarios individualizados ás persoas que se atopan actualmente en situación de busca activa de emprego para aumentar as súas capacidades e, por tanto, as súas posibilidades de inserción no mercado laboral.

Related posts

O Concello da Laracha mellorará a eficiencia enerxética do Centro Sociocultural da Insua de Caión

O pavillón de Baio e as súas instalacións, pechan por obras na cuberta do 27 de outubro ao 5 de novembro

Malpica deu a coñecer a súa XXI Mostra de Teatro