O Concello da Laracha pon a punto os colexios de cara ao inicio do novo curso escolar

1 minutes read

O 9 de setembro comezará o curso escolar 2021-2022 para o alumnado dos centros de educación infantil e primaria Otero Pedrayo da Laracha, así como Alfredo Brañas de Paiosaco e Caión. O Concello, en coordinación coas direccións dos centros, está a acometer unha serie de actuacións de mantemento, reparación e posta a punto para que tanto as instalacións como os equipamentos estean en perfectas condicións para recibir o novo curso.

No CEIP Otero Pedrayo están a ser repintadas as dez aulas do segundo andar do edificio de primaria e dotando co mobiliario ao estudo da nova radio que se inaugurará no colexio. Tamén se leva a cabo a canalización soterrada para abastecer de auga potable á zona na que se sitúa o invernadoiro.

No CEIP Alfredo Brañas as principais intervencións consisten na adecuación do portalón da entrada ás necesidades indicadas pola dirección do centro e no mantemento da beirarrúa de acceso desde a rúa A Porta Santa. Neste colexio recentemente foi retirada pola Xunta de Galicia a estrutura da pasarela cuberta da zona do patio, que carecía de utilidade.

No CEIP de Caión realízase unha completa actuación no ximnasio que inclúe o pulido e vernizado do parqué, a pintura das paredes e tamén será reparado o peche perimetral do patio exterior coa reposición da malla.

Ademais, nos tres colexios lévanse a cabo nestas datas limpezas integrais das instalacións, melloras eléctricas e de fontanería, mantemento de zonas axardinadas e reparacións no firme dos accesos e patios en puntos que así o requiren.