O Concello establecerá no edificio de usos administrativos da Laracha (Avenida Fisterra, 60) un servizo de asesoramento catastral que estará operativo o segundo e o cuarto mércores de cada mes. O seu primeiro día de atención ao público será o mércores da próxima semana, día 8 de xullo.
A través deste servizo, un técnico especializado ofrecerá asistencia presencial e gratuíta á cidadanía larachesa en xestións como:
- Facilitar información catastral.
- Tramitar cambios de nome ante catastro.
- Recepción e comprobación formal da documentación.
- Xeración de modelos oficiais e expedientes.
- Asistencia na cubrición de documentos.
- Asesoramento e información sobre a subsanación de discrepancias.
- Rexistro de expedientes en papel para xerar o expediente electrónico.
- Asesoramiento nos trámites intermedios dos expedientes catastrais.
- Seguimiento técnico dos expedientes presentados ata a súa resolución
Coa posta en marcha deste servizo o Concello pretende ofrecer á cidadanía asesoramento profesional en materia catastral dirixido a resolver dúbidas, problemas e preocupacións, así como obter información actualizada, accesible, cómoda e comprensible sen necesidade de desprazarse fóra do termo municipal.
Do mesmo xeito que sucede con calquera trámite que se desexe realizar presencialmente no edificio administrativo e na Casa do Concello, os usuarios do servizo de asesoramento catastral deben solicitar cita previa chamando ao 981612811.