O Concello da Laracha reforza as medidas de aforro de auga

1 minutes read

O Concello anuncia un reforzo nas medidas de aforro de auga que se anunciaran a principios de mes ante a situación de escaseza que continúa afectando ao sistema de abastecemento do río Anllóns, no que permanece activa por parte da Xunta de Galicia a prealerta por escaseza moderada.

Tras analizar a evolución da situación e o seguimento realizado en coordinación coa empresa concesionaria do servizo municipal do ciclo da auga, Veolia, detectouse un importante descenso no nivel de captación do río, circunstancia que obriga a intensificar as actuacións preventivas co obxectivo de garantir o abastecemento á poboación.

Neste contexto, a partir deste 1 de agosto quedará suspendido o servizo de duchas na praia de Caión. Ademais, o emprego de auga na limpeza de rúas reducirase ao mínimo imprescindible e continuará suspendida a rega das zonas verdes públicas, medida que xa permanece en vigor desde principios de mes.

Así mesmo, anúnciase que non están permitidas en todo o termo municipal aquelas actividades que supoñen un maior consumo, como o enchido total ou parcial de piscinas particulares, a rega con auga potable e a limpeza de vehículos particulares agás no caso das empresas que desenvolven profesionalmente esa actividade.

O Concello fai un chamamento á responsabilidade e á colaboración cidadá para realizar un consumo responsable da auga e adoptar hábitos de aforro no día a día. Entre as recomendacións figuran priorizar a ducha fronte ao baño, empregar os programas eco dos electrodomésticos e evitar desperdiciar auga pechando a billa sempre que non se estea utilizando.

A colaboración de toda a veciñanza será fundamental para contribuír a preservar os recursos hídricos dispoñibles e evitar que, de prolongarse esta situación durante as próximas semanas, poida ser necesario adoptar medidas de maior envergadura.