O Concello da Laracha renova o parque biosaudable de Caión

O alcalde da Laracha, José Manuel López Varela e a concelleira Rocío López, comprobaron o estado e o funcionamento do parque biosaudable de Caión.

Coa renovación dos aparellos, o parque biosaudable de Caión está dispoñible para a cidadanía no paseo marítimo á altura da zona da Insua. Deste xeito o Concello aposta por continuar ofrecendo aos veciños novas posibilidades de ocio que, ao mesmo tempo, fomentan a realización de actividades físicas e, por tanto, son beneficiosas para a saúde dos usuarios.

Nos próximos días Paiosaco tamén contará co seu propio parque biosaudable que o Concello creará na zona da Porta Santa, nunha parcela de titularidade municipal moi próxima ao centro sociocultural da vila. Será o quinto circuíto biosaudable co que contará o Concello da Laracha. Ademais do de Caión, os outros que están actualmente a disposición da veciñanza sitúanse na área recreativa de Gabenlle, no parque Maximino Canedo (ambos na Laracha) e na urbanización Monte Claro (Cabovilaño).

Os obxectivos fundamentais da presenza dos parques biosaudables son influír positivamente sobre as persoas maiores para conseguir cambios efectivos nos seus hábitos de vida, evitar o deterioro psicomotor coa práctica de actividade física e, entre outros, ampliar a oferta de instalacións deportivas que existe no termo municipal.