O Concello da Laracha retira seis porcos mortos que apareceron nun regato da parroquia de Coiro

Foi un particular quen alertou da presenza de varios cadáveres de animais no leito do regato situado á altura da ponte no cruce de Ramisquido da estrada local que comunica Paiosaco coa AC-523. Unha vez recibida esa comunicación, persoal municipal desprazouse ao lugar para facer as comprobacións oportunas, confirmando a presenza dos porcos sen vida.

De maneira inmediata, o Concello puxo a situación en coñecemento tanto do posto da Guardia Civil da Laracha como do Servizo de Protección da Natureza (Seprona), activando os protocolos correspondentes. Así mesmo, solicitouse a retirada dos animais á empresa Gesuga co obxectivo de garantir a seguridade sanitaria e ambiental da zona.

O Concello expresa a firme condena desta actuación totalmente irresponsable e inaceptable que supón un atentado contra o medio natural e que podería implicar un grave risco medioambiental e para a saúde pública, ademais de supoñer un desembolso para as arcas municipais pola complexidade da retirada dos animais e a posterior xestión.

Ao mesmo tempo, o Concello agradece a colaboración da persoa que deu aviso da situación, xa que a súa comunicación permitiu unha actuación municipal inmediata e eficaz evitando consecuencias potencialmente máis graves, ao mesmo tempo que solicita a cooperación cidadá para achegar información sobre os feitos.

O Concello continuará colaborando coas autoridades competentes para o esclarecemento do sucedido e para que se depuren as responsabilidades que correspondan.

Related posts

Segunda edición do Mercado Artesán de Baio cunha ampla programación cultural

Sabela, alumna do IES de Baio, logrou o 1º premio no Concurso de relato oral Tíralle da Língua

Miguel Corgos acompaña ao alumnado de Carballo nunha videoconferencia con Laponia