Trátase dun programa dirixido a nenos de 0 a 6 anos e as súas familias para detectar e atender posibles dificultades ou trastornos no desenvolvemento.
O contrato ten un valor de 298.237,68 euros por un ano prorrogable por outro ano máis e permitirá dar continuidade a un servizo que o Concello presta desde 2021 no marco da Rede Galega de Atención Temperá.
Actualmente cóntase con catro profesionais especializados: psicóloga, logopeda, terapeuta ocupacional e fisioterapeuta. Este equipo interdisciplinar permite abordar as diferentes áreas relacionadas co desenvolvemento infantil e ofrecer unha atención adaptada ás necesidades de cada neno ou nena.
Entre as prestacións incluídas atópanse a diagnose e valoración dos trastornos do desenvolvemento, o desenvolvemento psicomotor e cognitivo, a intervención na linguaxe e na comunicación, o desenvolvemento da autonomía e das capacidades sociais e afectivas, así como o apoio, información, habilitación e formación das familias. Tamén contempla a elaboración e seguimento dun plan personalizado de intervención para cada caso, así como a coordinación cos profesionais dos ámbitos dos servizos sociais, educativo e sanitario que estean implicados na atención ao menor.
Na actualidade, o Servizo de Atención Temperá do Concello da Laracha atende a 83 usuarios. Desde a súa posta en funcionamento no ano 2021, o programa prestou atención a un total de 219 nenos e ás súas familias do municipio.
Estes datos poñen de manifesto a importancia que adquiriu este recurso municipal e a necesidade de garantir a súa continuidade, especialmente nun ámbito no que a detección temperá e a intervención especializada poden resultar determinantes para favorecer o desenvolvemento dos menores e apoiar as súas familias.
O Concello ten previsto trasladar este servizo en próximas datas ao Edificio Interxeracional da Laracha unha vez que esta nova instalación entre en funcionamento. O cambio permitirá desenvolver a actividade nun espazo completamente renovado, máis cómodo e funcional, e situado no centro do núcleo urbano da Laracha, mellorando tamén as condicións de accesibilidade e proximidade para os usuarios.
O servizo de Atención Temperá préstase na Laracha coa colaboración económica da Consellería de Política Social ao abeiro das convocatorias de subvencións destinadas ás entidades locais para a prestación de servizos no marco da Rede Galega de Atención Temperá, cofinanciadas pola Unión Europea no marco do programa FSE+Galicia 2021-2027.
Procedemento para acceder ao servizo
Na maioría dos casos son as familias as que presentan a sospeita dun trastorno do desenvolvemento, pero noutros estas situacións detéctanse nas escolas infantís, nos servizos sociais comunitarios ou mesmo por outra instancia que trata ao menor e a súa familia.
Se a sospeita se detectase fóra do ámbito familiar, debe informarse á familia ou as persoas responsables do neno para que acudan ao servizo de pediatría, que iniciará o procedemento que corresponda. Será este profesional quen faga o diagnóstico previo, en función do cal derivará a familia á unidade de Atención Temperá máis axeitada para o caso.
