O Concello da Laracha vén de aprobar o Plan de Mobilidade Sostible (PMUS)

O documento de planificación estratéxica supón unha nova perspectiva da maneira na que se concibe e emprega o espazo público no termo municipal da Laracha. O seu obxectivo é avanzar cara o equilibrio real entre as necesidades de mobilidade da poboación coa accesibilidade, a inclusividade, o fortalecemento do tecido comercial local e a eficiencia no eido medioambiental como fíos condutores.

O PMUS de A Laracha non só responde aos retos actuais en materia de transporte e desprazamentos urbanos, senón que é a folla de ruta integral para a transformación progresiva do modelo actual, altamente dependente do vehículo privado e con carencias en materia de transporte público, cara outro máis sustentable que mellore a calidade de vida da veciñanza e que, particularmente, favoreza o desprazamento seguro da infancia e das persoas maiores.

Durante o procedemento de redacción do plan contouse coa participación activa da veciñanza, tanto mediante enquisas á poboación xeral como con obradoiros nos colexios. Entre as medidas concretas propostas destacan a mellora dos entornos dos centros de ensino, o impulso do transporte público, o avance nas infraestruturas ciclistas e a xerarquización do tráfico rodado nos núcleos urbanos de A Laracha, Paiosaco e Caion, suxerindo en paralelo propostas de mellora da conexión entre as parroquias e a humanización de rúas, vías e prazas que implicaría o aumento das zonas peonís para avanzar cara un concello máis dinámico, saudable e accesible.

Ademais de tratarse dunha ferramenta chave para a reorganización da mobilidade, dispoñer do PMUS tamén é un requisito esencial para que o Concello poida optar a fondos europeos destinados á promoción da sustentabilidade e á modernización urbana, polo que abrirá a porta a novas oportunidades de financiamento para proxectos municipais transformadores nese sentido que se leven a cabo a curto, medio e longo prazo.

Coa aprobación do PMUS o Concello reafirma o seu compromiso cun modelo urbanístico máis eficiente en liña das directrices europeas e dos obxectivos do desenvolvemento sustentable. O documento está dispoñible para a súa consulta na web municipal.

Related posts

O PSOE de Malpica denuncia que o Centro de Día de Buño continúa pechado tras tres anos cas obras rematadas

Novo mural de Joseba Muruzábal, coñecido artisticamente como Yoseba MP, na fachada dun edificio da Laracha

Malpica, concello pioneiro na implantación do sistema ‘Praia Pallet’ para a recollida de lixo mariño