O Concello prepara unha nova edición dos seus tradicionais concursos de Nadal, catro iniciativas que cada ano contribúen a crear ambiente festivo no municipio e a implicar diferentes sectores da sociedade na celebración destas datas. Os certames estarán dirixidos ao alumnado dos centros educativos, ás asociacións culturais, aos establecementos comerciais e ás persoas que desexen decorar as súas vivendas unifamiliares con motivos propios destas festas.
O concurso de postais de Nadal irá dirixido ao alumnado de educación infantil e primaria dos colexios Otero Pedrayo da Laracha, Alfredo Brañas de Paiosaco e CEIP de Caión. Como en anteriores edicións, estableceranse catro categorías de premios diferenciadas por grupos de idade, que consistirán en material didáctico e educativo, xogos e libros. O xurado, integrado por representantes municipais e dos centros de ensino, valorará os traballos o venres 18 de decembro.
O certame de panxoliñas ‘María Angeriz Tuset’ celebrarase o sábado 19 de decembro a partir das 18:00 horas na Casa da Cultura da Laracha. Poderán participar asociacións culturais, coros parroquiais e grupos do municipio. O concurso contará con premios de ata 500 euros, ademais da achega de 200 euros que percibirá cada grupo polo simple feito de participar.
O concurso de escaparates chegará á súa 31ª edición co mesmo obxectivo dos anos precedentes de dinamizar o comercio local durante a campaña de Nadal. Repartiranse 1.800 euros nas dúas modalidades de premios. O xurado decidirá cinco dotados con 500, 400, 300, 200 e 100 euros, respectivamente. E os usuarios das redes sociais serán os que concedan tres galardóns aos escaparates que consigan máis reaccións positivas durante o período de votación na páxina de Facebook do Concello, con contías de 150, 100 e 50 euros.
Pola súa banda, o concurso de fachadas e xardíns particulares estará dirixido a vivendas unifamiliares do municipio que conten con espazos visibles desde o exterior e que se decoren con elementos propios do Nadal. O certame manterá os dous sistemas de valoración. O xurado seleccionará as tres mellores propostas, que recibirán premios de 400, 300 e 200 euros, mentres que a votación popular a través de Facebook decidirá outros tres premios de 150, 100 e 50 euros entre as vivendas que obteñan máis reaccións positivas.
As bases dos catro concursos publicaranse nos próximos días no Boletín Oficial da Provincia (BOP), momento no que se anunciará a apertura dos prazos de inscrición. En todos os casos poderanse formalizar en liña ou presencialmente na Casa da Cultura, agás no concurso de postais, no que os traballos deberán ser presentados a través dos centros educativos.
