O Concello da Laracha xa comezou a operar cos novos orzamentos

Concello da Laracha_GOOGLE MAPS

O Concello da Laracha comezou este mércores a operar cos novos orzamentos xerais municipais do exercicio económico 2022 unha vez publicado no Boletín Oficial da Provincia (BOP) o edicto da aprobación definitiva dos mesmos, así como do límite de gasto non financeiro e o cadro de persoal.

Previamente as contas foran aprobadas con carácter inicial polo Pleno da Corporación na sesión celebrada o pasado día 22 de decembro. Durante o período de exposición pública non se presentaron alegacións.

Os presupostos do novo exercicio económico están equilibrados en gastos e ingresos e ascenden a 9.850.000 euros. Definen as liñas estratéxicas da planificación económica para este exercicio, centradas na blindaxe dos servizos sociais, promoción do emprego e o apoio ao sector comercial (2.263.000 euros, o que supón o 23 % do total), o esforzo investidor (1,6 millóns de euros para a mellora de infraestruturas municipais), o apoio ao asociacionismo e aos estudantes e a conxelación de impostos e taxas municipais (IBI, recollida de residuos sólidos urbanos, etc.), manténdose nos tipos mínimos que permite a lei.