- As duchas, os aseos e o posto de socorristas non estarán en funcionamento ata o próximo 15 de xuño
Galicia comeza este luns a Fase 2 da desescalada, e unha das novas medidas permitidas é a de tomar o sol e bañarse nas praias, motivo polo cal as áreas de Seguridade Cidadá e Medio Ambiente do Concello da Coruña activaron un protocolo desde hoxe e ata o 15 de xuño, data de apertura oficial do período de praias.
A coordinación desta primeira fase correrá a cargo dos mandos de Seguridade Cidadá que vixiarán que se cumpran as normas de distancia e capacidade en cada un dos areais; para iso instalarán un Centro de Mando na Coraza do Orzán desde onde dirixirán todo o operativo. Instalarase tamén un servizo de megafonía que xunto coas cámaras de tráfico contribuirán ao mellor desenvolvemento destes labores.
Ao longo do luns e martes procederase á instalación dos valos que pecharán a praia de Riazor desde As Escravas á Coraza e sinalizaranse os accesos polos que deberán entrar e saír os coruñeses dos cinco areais da cidade: Riazor, Orzán – Matadoiro, Lapas, Santo Amaro e Oza.
Desde Medio Ambiente lembran que as duchas non estarán en funcionamento, do mesmo xeito que outros servizos como o posto de socorristas ou os aseos ata o comezo oficial do período de praias o próximo 15 de xuño. «Estes días que van desde o luns 25 ata o próximo día 15 xuño servirán tamén para ir pulsando sobre os propios areais a resposta dos cidadáns e corrixir aqueles aspectos que se poñerán definitivamente en funcionamento a partir do 15: control de aforo en tempo real, aviso de preamares e desaloxo de praias en caso de mareas vivas con antelación suficiente, medidas de hixiene e salubridade en todos os areais, posta en funcionamento do servizo de Salvamento e Socorrismo…», asegura a concelleira Esther Fontán.