- Urbanismo lembra que o número de mesas permitidas limítase ao 50% do número total das mesas e que entre elas debe haber dous metros de distancia
O Concello da Coruña viuse na obriga de facer un comunicado sobre o funcionamento dalgunhas terrazas debido a determinadas situacións que se produciron en certos locais e rúas da cidade con motivo do inicio da fase 1 da desescalada.
Foron bastantes as imaxes que inundaron as redes sociais sobre a situación das terrazas nos locais coruñeses, onde en varias deles se apreciaba que non se respetaban as normas de distanciamento social. Por iso, a Concellería de Urbanismo recordou este martes que todas as medidas que se toman ao respecto realízanse en beneficio do sector hostaleiro e que son acordes ao que permite o Goberno central co fin de frear a pandemia.
O concelleiro de Urbanismo, Juan Díaz Villoslada, lembrou que o número de mesas permitidas limítase ao 50% do número total de mesas que xa tiñan autorizadas previamente, agás nalgúns sitios públicos nos que se autoriza incrementar a superficie destinada a terraza; respetando a proporción do 50% entre mesas e superficie dispoñible e levando a cabo un incremento proporcional do espazo peonil no mesmo tramo da vía pública en que se sitúe a terraza. Ademais, Villoslada sinalou que a distancia entre as mesas debe ser de polo menos 2 metros.
A Administración local velará porque se cumpran as normas establecidas no referente ás terrazas, co fin de que se poida seguir movendo a economía nos locais de hostalaría e de que a veciñanza acuda a elas con garantías de seguridade e salubridade.