O Concello de A Coruña e a Comisión de Facenda, xuntos para reactivar economicamente a cidade

1 minutes read
  • Na reunión en María Pita analizáronse as distintas actuacións adoptadas polo executivo para lles dar resposta ás necesidades da veciñanza máis vulnerable

A alcaldesa, Inés Rey, e o voceiro do Goberno local, José Manuel Lage, mantiveron durante a mañá deste luns unha nova reunión co resto dos voceiros municipais para informalos das últimas actuacións que o executivo puxo en marcha de cara a cubrir as necesidades da veciñanza máis vulnerable, e mais para abordar as achegas dos grupos da oposición ante a crise sanitaria actual.

Na mesma xuntanza, a alcaldesa anunciou que o Goberno local convocará a finais desta semana a Comisión de Facenda, co obxectivo de pór en común e valorar as posibles medidas destinadas a dinamizar a economía local unha vez que finalice o estado de alarma.

Desta maneira, o Goberno quere estudar de xeito conxunto co resto das forzas de María Pita as medidas económicas, coa idea de deseñar un paquete de medidas que poidan cumprir coas necesidades dos sectores produtivos da cidade. A idea é que desde María Pita se poida impulsar a recuperación e acurtar os tempos para que a actividade económica se recupere o antes posible.

O Goberno local, segundo explicou o voceiro municipal, abordará unha probable modificación do orzamento actual que permita adaptalo á nova situación e sirva para reforzar o emprego e as axudas sociais. Ademais, a rexedora destacou que é importante que as medidas que poida aprobar o Goberno municipal non se solapen coas actuacións futuras do Goberno de España e da Xunta de Galicia. Preténdese que sexan complementarias, de tal maneira que a colaboración das administracións faga menos difícil a volta dos negocios e das empresas ao nivel de actividade que tiñan antes da crise sanitaria.