O pleno municipal acordou, a proposta do executivo, solicitar ao Ministerio de Transportes que retome a tramitación da nova conexión da AC-415 coa autovía do Porto Exterior.
A actuación permitiría desviar o tráfico pesado e as mercadorías perigosas que atravesan actualmente núcleos como Meicende e Pastoriza.
Especialmente importante para os camións procedentes de industrias como a refinería, Repsol Butano ou Air Liquide.
O proxecto permitiría conectar directamente a zona da avenida de Butano, en Meicende, coa autovía do Porto Exterior.
A proposta municipal vén de lonxe: en 2012 Arteixo presentou o proxecto ao Ministerio e en 2015 iniciouse a súa tramitación.
Naquel momento o investimento previsto para a ligazón era de 6,67 millóns de euros máis IVE.
Os trámites continuaron durante 2016, 2017 e 2018, pero posteriormente a actuación deixou de contar con partida nos Orzamentos Xerais do Estado.
