O Boletín Oficial do Estado publicou o Decreto polo que se declara Ben de Interese Cultural o parque do Pasatempo en Betanzos, e continúa así os trámites iniciados no seu momento polo propio Concello ante Patrimonio reflectido no Decreto de 6 de febreiro da Xunta, publicado no Diario Oficial de Galicia.
A publicación no BOE viuse alterada, canto aos prazos, pola Covid-19. No entanto, para a alcaldesa, María Barral, trátase dun paso máis, moi importante e necesario para “poder desenvolver a recuperación deste espazo. Unha figura, a súa declaración BIC, que permitirá optar a fondos económicos aos que até agora non se podían chegar”.
A primeira edil indicou que por parte do Concello “retomaremos as reunións de traballo coa Xunta para avanzar e recuperar o tempo perdido canto antes”. Mantén que agora toca “encargar, tal e como anunciou o goberno galego, un proxecto técnico integral, para o que temos moitos aspectos avanzados, e logo planificar as actuacións, que nós queremos executar por fases a tenor do que nos explicaron en varias ocasións o persoal técnico”.