O Concello de Betanzos segue co seu programa de renovación de vías a través do POS

Obras Betanzos_Arquivo.

O Concello incluíu nos seus proxectos de mellora de viarias, dentro do Plan Único da Deputación, a mellora das rúas de Xudeus e Cruz Verde. Trátase dunha actuación na que se investirán máis de 270.000 euros e que forma parte do plan de melloras de viarias municipais (da zona rural) e rúas do centro urbano, no que se inclúe a renovación de pavimentos e servizos.

Neste caso as obras previstas pretenden  contribuír a reforzar os valores. arquitectónicos e espaciais, especialmente significativos no caso da rúa Xudeus, de importancia histórica no trazado histórico urbano de Betanzos así como de Cálea Cruz verde polo seu enclave céntrico e partindo desde unha zona de gran significado dentro do centro histórico da cidade.

O obxectivo non é outro que recuperar un contorno céntrico de interese histórico innegable, dotándoa de novos servizos e dunha pavimentación acorde co contorno, contribuíndo así á súa revalorización patrimonial, social e turística, ademais, por suposto, de liquidar os problemas de filtracións existentes na rede, especialmente significativa nos casos de saneamento e rede de pluviais. Cómpre destacar que a renovación dos servizos de rede de sumidoiros e recollida de augas pluviais levarán ata a conexión coa fosa emprazada na escaleira de baixada cara á rúa dos Ánxeles.