O Concello de Brión e a Asociación Darredor convocan a cuarta edición da Feira Labrega


A carballeira de Santa Minia acollerá o sábado 17 de setembro, de 11:00 a 19:00 horas, a cuarta edición da Feira da Carballeira, organizada polo Concello de Brión en colaboración coa Asociación Darredor. Unha feira que está aberta á participación de todos os veciños e veciñas de Brión, así como da contorna, que poderán montar os seus postos para a venda de produto labrego, ecolóxicos, artesán, viveiro (horta, xardín, flores, froiteiras…) ou de segunda man.

Para poder participar na feira será preciso anotarse antes das 14:00 horas do 15 de setembro. A solicitude pode descargarse da web municipal (www.concellodebrion.gal) e deberá entregarse por e-mail (daquidarredor@gmail.com ou empregobrion@gmail.com) ou por whatsapp ao número 633 122 772. En caso de choiva, a feira non se celebrará.

A anterior edición, o Concello de Brión e a Asociación Darredor foron quen de reunir unha vintena de postos de produtos de horta, artesanía, segunda man, doces e empanadas, conservas, zumes, ungüentos, amigurumi… Algúns destes postos son participantes asiduos do Mercado semanal Daquí Darredor, que ten lugar todos os venres no terceiro andar do centro comercial Monte Balado, en horario de 17:00 a 21:00 horas.