O Concello de Brión vén de iniciar os traballos de repoboación parcial da Carballeira de Santa Minia, autorizados o pasado mes de febreiro pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia. Así, entre este luns e martes procedeuse á retirada dunha ducia de árbores emprazadas na zona sur do predio, na contorna da Casa da Cultura brionesa, e que estaban afectadas por distintos fungos, entre eles Armillaria mellea, unha enfermidade mortal para os carballos e que non ten cura posible.
O alcalde de Brión, Pablo Lago, estivo supervisando os traballos de retirada dos exemplares enfermos e adianta que “mañá mércores comezaremos coa retirada da terra, que tamén está contaminada por Armillaria, e a súa reposición con terra nova ao longo desta semana. Se o tempo o permite, a nosa intención é plantar oito exemplares de carballo duns 3 metros de altura ao longo da próxima semana”. Uns carballos que o Concello de Brión xa ten reservados dende hai un par de meses e que serán plantados de xeito que teñan luz suficiente para medrar e fagan copas abertas.