- A festa comezou o sábado e durará ata o vindeiro mércores.
O Concello de Brión iniciou este domingo unha campaña de sensibilización e prevención da submisión química na Romaría de Santa Minia. “Imos repartir tapavasos antigrogas e pallas de papel por todas as barras das cantinas para que quen queira poida collelas e levar así sempre o seu vaso tapado, sen risco de que ninguén poida introducir substancias na consumición doutra persoa”, explicaba a concelleira de Servizos Sociais e Igualdade, Rosa Romero.
Os tapavasos levan impreso un código QR dende o cal se accede a información relativa á submisión química: que é, cales son os síntomas habituais, como se debe actuar ante a sospeita de estar baixo os efectos e o teléfono de emerxencias. A iniciativa do Concello de Brión conta co apoio do Pacto de Estado contra a violencia de xénero e da Deputacíon da Coruña.
A maiores, o Concello de Brión montará o Punto Lila na finca a carón das polbeiras, onde actuarán as orquestras, que estará aberto de 21:00 horas ata que rematen as actuacións, entre as dúas ou tres da madrugada.