O Concello de Brión vén de dar a coñecer a programación das Festas de Santa Minia

1 minutes read

O Concello de Brión vén de dar a coñecer a programación especial co gallo das Festas de Santa Minia, que terán lugar do venres 23 ao martes 27 de setembro. Unha programación xa libre das restricións da pasada edición, de xeito que se recuperan os concertos e verbenas, así como os postos de venda ambulante ao longo da avenida de Santa Minia.

Con todo, a principal novidade desta edición será un espectáculo de luz e son que terá lugar na madrugada do luns 26 ao martes 27 de setembro, substituíndo á tradicional queima da fachada. “Minia no soño da paz” é un proxecto de videomapping que porá en escena varios fragmentos da vida da Santa, que contará a súa historia aos asistentes. Ao longo de nove escenas, con efectos de luz, de son e de imaxe, os veciños e veciñas de Brión non só poderán ver a figura de Santa Minia, senón tamén asistir a unha queima virtual da fachada, entre outras sorpresas.