Cabana apoia a conciliación familiar durante a Semana Santa co programa Meniñeiro

  • As persoas interesadas poderán presentar as súas solicitudes na casa consistorial ata o vindeiro 22 de marzo

O Concello de Cabana abriu o prazo para inscribirse na nova edición do Meniñeiro, que se realizará en Semana Santa. A iniciativa, que arrancou no verán do 2007 e que conta coa colaboración da Xunta de Galicia e da Unión Europea, regresa despois de ser cancelada no 2020 debido á pandemia. O obxectivo é axudar ás familias a compaxinar o traballo e o coidado da rapazada.

A actividade está destinada a rapazas e rapaces de entre 3 e 12 anos e desenvolverase en horario de mañá os días 29, 30 e 31 de marzo na Casa da Cultura. Os usuarios desfrutarán e aprenderán sobre a igualdade de xénero a través de traballos manuais, xogos deportivos e actividades no exterior se a climatoloxía o permite.

O alcalde de Cabana, José Muíño, destacou a importancia deste programa «para moitas familias do municipio que teñen complicacións para conciliar os seus traballos cos períodos nos que os seus fillos non teñen colexio”.

As persoas interesadas poderán presentar as súas solicitudes na casa consistorial ata o vindeiro 22 de marzo. As prazas estarán limitadas e cubriranse por orde de inscrición.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha