O Concello de Cabana busca un convenio coa FAEPAC para renovar a iluminación exterior

Reunión FAEPAC_Cedida

  • Este xoves reuníronse o alcalde, José Muíño, e director xerente da Fundación Axencia Enerxética Provincial da Coruña, Jesús Castro

A renovación do alumeado público é un proxecto que buscan poñer en marcha moitos concellos para reducir a contaminación lumínica e os gastos municipais. Neste caso é a localidade de Cabana a que continúa apostando por renovar as luminarias nas parroquias de Canduas, Borneiro, Cesullas, O Esto, Cundíns, Silvarredonda, Rioboo, Nantón, Anos e Corcoesto. O orzamento total destas actuacións ascende a 946.966,75 euros, e será posible grazas a unha subvención do Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía, IDAE.

Ademais, este xoves reuníronse o rexedor de Cabana, José Muíño, e o director xerente da Fundación Enerxética Provincial da Coruña-FAEPAC, Jesús Castro, para abordar un posible convenio de colaboración. A idea é establecer un marco de traballo en relación co desenvolvemento do proxecto para que “nos marque o camiño a seguir”, sinala o alcalde.

En Cabana actuarase en 2.745 dos 3.001 puntos de luz existentes no municipio -xa que o resto están renovados- substituíndo así as luminarias actuais por outras con tecnoloxía LED, máis eficientes e coas que se conseguirá un aforro estimado dun 66,93 por cento.

O obxectivo prioritario desta actuación é favorecer o paso a unha economía baixa en carbono, no marco do Programa Operativo FEDER de crecemento sostible 2014-2020.