O Concello de Cabana captura un milleiro de velutinas nas primeiras semanas da campaña de trampeo

O primeiro reconto deixa un saldo de 998 exemplares capturados, o que contribúe a evitar a creación de novos niños mediante a eliminación de raíñas.

O milleiro de avespas foi contabilizado nas cen trampas colocadas en lugares públicos do municipio, como colexios, xardíns, igrexas ou o paseo marítimo. Unha aplicación móbil facilita mediante xeolocalización o seguimento da campaña, que se estende dende o pasado 2 de marzo ata o 1 de xuño.

Estes meses son a época idónea para tratar de controlar o impacto da praga. É o momento no que as raíñas saen do seu letargo invernal e fundan novas colonias. A súa eliminación evita que constrúan niños e multipliquen a súa expansión.

Neste sentido, o goberno municipal chama á colaboración da veciñanza, que pode sumarse á campaña solicitando doses de atraente para as súas trampas domésticas. Este martes xa se repartiron 600 envases de 50 mililitros.

A avespa velutina é unha especie invasora que está a causar un grave impacto na apicultura e no medio ambiente. Ademais, o seu ataque pode ter consecuencias graves para persoas alérxicas ou vulnerables. En caso de atopar un niño, a recomendación é afastarse e chamar ao 012.

Related posts

O BNG de Vimianzo interésase pola situación do colexio de Baíñas

Prosegue a confirmación da presenza de referentes da moda nacional na Mostra do Encaixe de Camariñas

Presentada a programación cultural de primavera con música, literatura e encontros sociais de Cabana