O Concello de Cabana convida a veciñanza á inauguración da Casa Museo Saturnino Cuíñas Lois

O Concello de Cabana de Bergantiños celebrará o vindeiro 10 de abril o acto de inauguración da Casa Museo Saturnino Cuíñas Lois, un novo espazo recuperado para uso público. Toda a veciñanza de Cabana está convidada á cita, que comezará ás 19:00 horas.

A Casa Museo leva o nome de quen foi párroco da localidade e fillo adoptivo de Cabana, e nace coa vocación de converterse nun punto de encontro para a cidadanía. Neste sentido, o edificio dispón de capacidade para acoller actividades culturais, sociais e veciñais.

O inmoble atópase na antiga casa reitoral de Cesullas, rehabilitada trala súa cesión ao Concello por parte da Igrexa. As obras executadas nos últimos anos permitiron poñer en valor un edificio de interese patrimonial que se atopaba ao bordo da ruína. Tras traballos na estrutura e na contorna, acometeuse unha segunda fase para rehabilitar o interior do inmoble e poñelo a punto como equipamento público. O investimento ascendeu a 191.059 euros.

Dende o Concello destacan que a rehabilitación mantén o patrimonio local dotándoo de novos usos ao servizo da veciñanza, ao tempo que conserva o legado e a memoria de Saturnino Cuíñas, persoa que deixou unha fonda pegada en Cabana de Bergantiños. Ademais, estenden o convite a todas as veciñas e veciños do municipio para asistir ao evento, que contará, entre outros, con animación a cargo de gaiteiros.

Saturnino Cuíñas Lois

Saturnino Cuíñas chegou a Cesullas o 10 de abril de 1931 e, dende aquel momento, entregouse a dinamizar a vida de Cabana. Cuíñas creou coros parroquiais, achegouse á mocidade e implicouse na atención aos necesitados. Destacou tamén polo seu interese no folclore, impulsou a romaría de San Fins do Castro e incluso interviu para mellorar as infraestruturas da zona.

O 17 de marzo de 1956 foi nomeado fillo adoptivo pola corporación municipal. Saturnino Cuíñas faleceu o 7 de abril de 1978 tras case medio século de dedicación a Cabana, e cinco anos despois, o 21 de agosto de 1983, foi recoñecido como fillo predilecto do concello.

Related posts

Zas clausura os campamentos de Semana Santa nos que participaron máis de 60 nenos e nenas

A Xunta investiu nos últimos anos case 900.000 € en diversas melloras no Instituto Fernando Blanco, en Cee

A Laracha executa a última fase do proxecto de mellora da estrada entre O Lorteiro e Goexe, en Montemaior