- Este servizo mellora a calidade de vida daquelas persoas que presentan problemas para a realización de actividades cotiás
O Servizo de Axuda no Fogar (SAF) para o Concello de Cabana de Bergantiños foi licitado por 2.727.178,63 euros. O contrato terá unha duración de tres anos, prorrogables a dous máis.
O alcalde, José Muíño, destaca a importancia de que “Cabana conte cun servizo desta envergadura”, que repercutirá positivamente no “benestar de todas aquelas persoas que o precisen”. A finalidade do SAF é mellorar a calidade de vida das persoas que requiren algún tipo de apoio para a realización das tarefas básicas da vida diaria.
A atención ás persoas usuarias da liña de dependencia será desde as 8:00 ás 22:00 horas, de luns a domingo e incluídos os festivos, namentres que na liña de SAF básico, a atención será de 8:00 a 20:00 horas, de luns a venres excepto os días festivos. O prezo da hora no formato de libre concorrencia será de 21,43 €, e na liña de dependencia, de 20,26 €.
O equipo de goberno apunta á relevancia de “dotar á veciñanza de ferramentas de carácter social para cubrir necesidades de primeira liña, obxectivo prioritario para nós e polo que seguiremos traballando”.