O Concello de Cabana presentou a súa programación para este Entroido


Ademais do xa anunciado concurso ‘Crea un Meco’, haberá desfile do Tren Entroideiro e da Charanga Infantil os Cabezóns, con acompañamento musical dos Farrapos; inchables, actividades entroideiras, concurso de comparsas, degustacións de doces típicos destas festas e a conmemoración do Día de Rosalía de Castro.

Así, o domingo 19 de febreiro está previsto o desfile do Tren Entroideiro e da Charanga Infantil dos Cabezóns con percorrido tanto de mañá como de tarde. A sesión matutina dará comezo ás 10:30 horas diante da Igrexa de Borneiro, e co seguinte traxecto: Igrexa de Canduas – Praza de Neaño – Igrexa de Cesullas e Local Social de Anos. Pola tarde, comezará ás 15:30 horas en Nantón, e irá por Riobó-Igrexa de Corcoesto – Silvarredonda – O Esto e Igrexa de Cundíns. Haberá acompañamento musical dos Farrapos.

O martes 21 de febreiro, a partir das 17:00 horas no pavillón municipal, haberá diversión, inchables, música e actividades entroideriras, con degustación de doces de Entroido feitos polas panadarías locais.

A partir das 18:30 horas celebrarase o concurso de comparsas, con premios en metálico e para o que as veciñas e veciños se poden inscribir ata o 20 de febreiro de 2023. Ademais, terá lugar a pasarela de disfraces infantil, con merenda gratuita para todas as participantes e para a que non é preciso anotarse previamente. A fin de festa correrá a cargo do Trío Karma.

Por último, o día 23 de febreiro, conmemorarase o Día de Rosalía de Castro desde as 11:30 horas na Escola de Vela, transformando en música versos escritos da autora, un obradoiro de degustación do Caldo de Gloria, a intervención da poeta cabanesa Matilde Vilariño Pose e a presenza da Asociación Íntegro, a Escola Municipal de Teatro, Son de Cabana, a Xunta Local da AECC de Cabana de Bergantiños e Cáritas de Cesullas, Canduas e Borneiro.

Visitas guiadas a Dombate

Ademais, haberá visitas guiadas de venres a domingo ao Centro Arqueolóxico de Dombate, en horario de 10:30 a 14:00 horas e de 16:00 a 18:30 horas pola tarde. Son completamente de balde e noné necesaria inscrición previa.