O concello de Cabana de Bergantiños programou para o venres 5 de abril unha xornada sobre a praga da avespa Velutina.
O encontro, que terá lugar no Auditorio Municipal, contará cunha primeira sesión dedicada aos adultos e cun enfoque claro na loita contra a praga da Velutina, onde un experto exporá nunha primeira parte os distintos tipos de avespa, as costumes e ciclo biolóxico da avespa. A continuación, presentaranse os distintos tipos de traxes de protección e diverso instrumental de loita como pértegas, trampas ou compostos químicos.
No remate da charla farase entrega a todos aqueles que queiran participar na loita contra o insecto invasor de trampas e compostos que atraen estes insectos.
Tamén, a partir das 12.00 h e ata as 13.00 h, dará comezo unha nova charla para os nenos e nenas na que se lles informará sobre a morfoloxía, ciclos biolóxicos do citado insecto e amosaralles distintos niños de avespa.
