O peirao de Camariñas volve a converterse nunnha gran aula aberta ao mar. O Concello vén de poñer en marcha a parte práctica dunha nova edición do programa ‘O Mar na Escola’, unha iniciativa na que este ano participan un total de 87 rapaces e rapazas do municipio e que lles permite coñecer de primeira man a realidade da contorna mariña e do sector pesqueiro local.
As actividades prácticas comezaron este mes para o alumnado de 5º e 6º de Primaria do Colexio de Camariñas e do Colexio da Ponte do Porto, ademais do Instituto da Ponte do Porto, que xa remataron previamente toda a fase teórica nas súas respectivas aulas.
A participación nesta edición repártese do seguinte xeito:
- Colexio da Ponte do Porto: 38 alumnos/as (20 de sexto e 18 de quinto).
- Colexio de Camariñas: 26 alumnos/as (14 de sexto e 12 de quinto).
- Instituto da Ponte do Porto: 23 alumnos/as de 1º e 2º da ESO.
Unha traxectoria de 22 anos e o apoio vital dos colexios
O concelleiro de Deportes, Fabián Canosa, destaca a enorme importancia e a longa traxectoria de ‘O Mar na Escola’. “Trátase dun programa pioneiro e único en toda a comarca, que suma xa 22 anos de historia e que se mantén activo ininterrompidamente dende 2008 no seu formato actual”, afirma.
A gran singularidade deste proxecto é que está plenamente integrado na actividade lectiva dos rapaces. Neste sentido, o goberno municipal quere facer un agradecemento público e especial á comunidade educativa, xa que esta actividade «non podería seguir adiante sen o apoio dos colexios e do instituto, que son os que seguen apostando polo programa ano tras ano e facilitando a súa inclusión no horario escolar».
Colaboración institucional
Para o desenvolvemento loxístico e de seguridade destas saídas prácticas, o programa conta coa colaboración da Xunta de Galicia. A administración autonómica faise cargo do pago dos seguros de todos os participantes, así como do financiamento do transporte. En total, a Xunta sufraga as 14 viaxes en autobús necesarias para trasladar aos alumnos e alumnas dende os seus respectivos centros de ensino ata o peirao de Camariñas.
Ademais, o Club Náutico de Camariñas cede as instalacións que permiten levar a cabo o día a día do programa.
Con esta nova edición, Camariñas reafirma o seu compromiso coa educación ambiental e patrimonial das novas xeracións, garantindo que os máis novos non vivan de costas ao mar que dá nome, identidade e futuro á súa vila.