- As actividades comenzarán este sábado, 3 de xullo, na Ponte do Porto. Despois irá desprazándose por todas as parroquias
O Concello de Camariñas cumpre a promesa feita pola alcaldesa, Sandra Ínsua, organizando para estes meses de verán a festa ‘Destronavirus’, unha gran celebración para todos os nenos e nenas do municipio «polo seu bo e exemplar comportamento durante a pandemia», destacou a rexedora.
A festa comezará este sábado, 3 de xullo, na Ponte do Porto pola festividade do San Pedro. De 18 a 21 horas instalaranse no paseo fluvial inchables totalmente gratuítos.
Este modelo repetirase por todas as parroquias, coincidindo coas festas patronais de cada unha. O sábado 17 de xullo será en Camariñas, o domingo 18 de xullo en Santa Mariña, o domingo 1 de agosto en Camelle, o domingo 15 de agosto en Xaviña e, por último, o sábado 21 de agosto en Arou. Os encargados da realización de cada festa son empresas locais.