Trátase dunha iniciativa que ten como finalidade principal dignificar ás persoas represaliadas polo golpe de estado de 1936 e a ditadura franquista, así como promover o coñecemento da historia local e os valores democráticos entre a cidadanía.
O proxecto abarca diversas liñas de actuación, comezando pola supresión de simboloxía contraria á memoria democrática no rueiro municipal. Ademais, procederase á instalación dun panel informativo de memoria democrática na Ponte do Porto, que incluirá o contexto histórico, a listaxe de persoas represaliadas, o mapa do roteiro e a explicación do funcionamento do sendeiro.
A innovación tecnolóxica tamén será protagonista coa creación do Sendeiro da Memoria da Ponte do Porto, configurado como un recurso permanente de interpretación. Trátase dun roteiro dixital con realidade aumentada xeolocalizada a través da plataforma ONIRIX. A nivel divulgativo, o proxecto tamén contempla a edición da publicación “Sementando memoria”, que recolle biografías das vítimas e un estudo histórico da represión no ámbito local.
Programación das Xornadas da Memoria Democrática
Como eixo central da iniciativa, o Concello organiza unhas Xornadas da Memoria Democrática durante a fin de semana do 30 e 31 de outubro, combinando actos institucionais de homenaxe –consistentes na lectura pública dos nomes das persoas represaliadas e na colocación de flores– con actividades educativas e culturais.
O programa de actos é o seguinte:
Venres, 30 de outubro
12:00 h: Ofrenda floral no Memorial da Ponte do Porto.
12:45 h: Ruta da Memoria co alumnado do IES Pedra da Aguia, guiada por Rafael Lema.
19:00 h: No Centro Cultural da Ponte do Porto (Casino), terá lugar a presentación do libro «A República e a Guerra Civil en Camariñas», a cargo de Rafael Lema. A xornada pecharase coa proxección do documental «Ezkaba: La gran fuga de las cárceles franquistas».
Sábado, 31 de outubro
10:00 h: Ofrenda floral e inauguración da Avenida das palilleiras.
11:00 h: No Faro Vilán, conferencia sobre a represión franquista na Costa da Morte, impartida por Luís Lamela García. A continuación, proxección do documental «La red Ponzán».
