O Concello de Camariñas mostra o seu desacordo coa nova normativa de Portos para a pesca recreativa

1 minutes read
  • A alcaldesa solicitará que se amplíe a zona de pesca recreativa á rampla do Club Náutico e pola Lonxa Vella

O Goberno local de Camariñas manifestou o seu descontento coa nova normativa publicada por Portos de Galicia para regular a pesca recreativa nas dársenas da comunidade. A rexedora, Sandra Ínsua, mantivo este xoves unha charla co patrón maior de Camariñas, Ramón Lema Romero, repasando os requisitos que se incorporan no texto para poder exercer a pesca recreativa e que consideran “fóra de lugar”.

Ademais, comezaron a enfocar as alegacións que presentará o Concello consensuadas coa confraría. Estas redactaranse e presentaranse nos próximos días e entre as mesmas incluirase a solicitude de ampliación da zona de pesca recreativa á rampla do Club Náutico e tamén pola Lonxa Vella.

A nova normativa clasifica os portos en tres niveis en función da posibilidade de acoller a pesca recreativa entre as súas actividades. Así, establece un total de 28 portos libres de toda limitación, 79 nos que se permite esta práctica condicionada por zonas ou horarios e 15 nos que non se pode realizar esta actividade por razóns de seguridade ou operatividade portuaria.

Os pescadores con licenza federativa deberán cumprir uns requisitos para realizar esta práctica ou poderán ser sancionados. Entre os puntos exixidos aos afeccionados figuran a inscrición na sede electrónica da Xunta, a obrigatoriedade de formalizar un seguro de responsabilidade civil e a sinatura dunha declaración responsable de cumprimento das obrigas exixidas.

Consulta aquí os portos e peiraos onde se poderá pescar.

Plano das zonas permitidas para pescar na vila de Camariñas_Portos de Galicia