O Concello de Camariñas proxecta crear unha fonte na Praza da Insuela e plantar novas árbores no porto

O Concello de Camariñas vén de solicitar unha axuda á Xunta de Galicia ao abeiro do seu programa Galicia Refuxio Climático para acometer novos traballos de humanización de diferentes espazos, xerando ambientes frescos e agradables en dous puntos: a Praza da Insuela e o porto.

O orzamento total da actuación ascende a 75.000 euros e inclúe, por unha banda, a execución dunha nova fonte e máis zonas verdes na Praza da Insuela, e, pola outra, a creación de novas sombras no paseo do Porto de Camariñas.

Na Praza da Insuela, situada xusto diante da Casa do Concello, a intervención principal será a instalación dunha fonte ornamental. Esta infraestrutura estará deseñada con valos exteriores amplos sobre os que se colocará unha cuberta de listóns de madeira para que a veciñanza poida sentar comodamente á beira da auga.

Ademais, mellorarase notablemente a permeabilidade do chan. O actual pavimento de lousas de formigón substituirase por lastros de formigón poroso, o que facilitará o paso da auga cara á terra. Tamén se ampliarán as escavas das árbores existentes, ás que se lles engadirá terra vexetal e se sementará herba, aumentando así a superficie de solo libre e verde da praza.

A segunda área de actuación céntrase na franxa axardinada do porto. Para combater as duras condicións orixinadas polos fortes ventos e o salitre do mar —que causaron a perda de moitos exemplares no pasado— , o Concello plantará árbores da especie Callistemon viminalis.

Esta especie demostrou estar moi ben adaptada ás condicións do lugar. Plantaranse exemplares duns dous metros de altura para refacer a aliñación e garantir que os veciños e visitantes poidan gozar dunha zona sombreada para pasear ou descansar nos bancos á beira do mar.

Related posts

Carballo renovará o seu alumeado público, aforrará 84.000 euros anuais e protexerá o ceo nocturno

O CCA Carballo impulsa a II edición de BioSaúde con 15 expositores e talleres, faladoiros e degustacións

O hospital de día oncohematolóxico de Cee funciona xa con consultas e tratamentos