Camariñas súmase ás campañas de apoio á hostalaría e ao comercio local

Imaxe dun restaurante_PIXABAY

  • Desde o goberno local animan aos veciños a que consuman no pobo para velar polo seu futuro

O sector da hostalaría e o comercio local son dous dos sectores que máis están sufrindo con este segundo estado de alarma, polo que desde o Concello de Camariñas decidiron sumarse a varias campañas que se están promovendo a nivel nacional para apoialos.

Así, no caso da hostalaría, o Concello comezou este mércores a fomentar, a través das súas canles de difusión, unha iniciativa para animar aos veciños a que adianten as súas ceas ás 20:00 horas. Un xesto relacionado coa limitación da mobilidade nocturna, que actualmente está fixada de 23:00 a 06:00 horas, e que supón grandes perdas para os bares e restaurantes da zona.

Por outra banda, o goberno local quere concienciar á cidadanía da importancia de facer as súas compras no comercio de proximidade, e para iso está a distribuír carteis incidindo en que os establecementos de Camariñas están cumprindo todas as medidas de prevención, e que mercar neles significa velar polo futuro do pobo.