O Concello de Camariñas, obrigado a cancelar a XXX Mostra do Encaixe

1 minutes read
  •  A alcaldesa, Sandra Ínsua, anunciou que esta edición retomarase no ano 2021

Ante as indicacións emitidas pola Consellería de Sanidade, recomendando que non se celebre ningún gran evento debido á situación de urxencia xerada pola expansión do Coronavirus, o Concello de Camariñas decidiu cancelar a XXX Mostra do Encaixe de Camariñas, que se ía a celebrar do 8 ao 12 de abril.

A alcaldesa, Sandra Ínsua, explicou este xoves a decisión e precisou que “sería unha irresponsabilidade pola nosa parte continuar adiante coa organización dun evento que, como cada ano, congregará a miles de persoas de diferentes procedencias”.

A rexedora quixo tamén pedir desculpas ao sector da hostalaría, que se verá claramente afectado por esta decisión, e tamén aos deseñadores, ás delegacións internacionais e aos voluntarios que ano tras ano participan no evento.

Ademais, Sandra Ínsua anunciou que ”a XXX Mostra do Encaixe de Camariñas celebrarase no ano 2021 ante a imposibilidade de atopar a estas alturas datas dispoñibles para poder realizar o evento con todas as garantías”.