O Concello de Carballo aborda o problema da seguridade informática cun seminario

2 minutes read

Empresas e forzas de seguridade son as principais destinatarias da iniciativa, que está aberta a todo o público interesado. Inscricións en comunicacion@carballo.gal 

Os delitos cibernéticos están a converterse nunha das maiores ameazas para empresas, institucións e persoas. De feito, xa constitúen unha das primeiras causas de denuncia que reciben as forzas de seguridade. Intentar evitalos é o principal obxectivo do Seminario sobre intelixencia empresarial e ciberseguridade que organiza a Concellaría de Promoción Económica para o venres 28 de outubro. 

Para ofrecer a información máis actualizada, detallada e práctica contaremos con dous especialistas na materia: Ana Isabel Páramo e Luis Jurado.  

Ana Isabel Páramo é licenciada en Dereito pola Universidade Pontificia de Comillas, experta en análise de intelixencia, con seis anos de experiencia no sector de seguros de crédito á exportación e vinte no Ministerio de Defensa como analista de intelixencia e formadora. Colabora con varias universidades españolas e dende o ano 2019 dirixe a súa propia consultoría sobre intelixencia empresarial, La escuela de inteligencia. 

Luis Jurado, socio director da área penal de Perseus & RC Avogados, é avogado penalista especializado en delitos informáticos. Formador do Instituto Nacional de Ciberseguridade (Incibe) e da Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp). 

O Seminario de intelixencia empresarial e ciberseguridade celebrarase o día 28 no auditorio do Fórum Carballo. O programa é o seguinte: 

  • 10.00 horas. Apertura a cargo do concelleiro de Innovación, Formación e Emprego, Iván Andrade Tasende. 
  • 10.05 horas. “A ciberseguridade nas pemes”, con Ana Isabel Páramo. 
  • 11.15 horas. Pausa-café         
  • 11.45 horas. “Novos protocolos para a prevención do fraude online”, con Luis Jurado. 
  • 12.45 horas . Clausura, a cargo do alcalde de Carballo, Evencio Ferrero. 

Aínda que o seminario vai especialmente dirixido ao ámbito empresarial, tamén é de especial interese para forzas de seguridade, profesionais e público en xeral. As persoas interesadas en asistir deben inscribirse enviando un correo electrónico cos seus datos a comunicacion@carballo.gal