O Concello de Carballo apoia 11 iniciativas emprendedoras a través do Coworking

1 minutes read
  • No espazo de traballo colaborativo situado no Fórum Carballo participan 15 persoas da Costa da Morte

A Xunta de Goberno Local aprobou este luns unha addenda ao convenio de colaboración entre o Concello de Carballo e a Deputación da Coruña para o financiamento dun espazo de traballo colaborativo no Fórum. Dadas as dificultades para a posta en marcha do servizo, xa que coincidiu coa declaración do estado de alarma de marzo do 2020, mediante esta addenda amplíase a vixencia do convenio ata o 30 de abril do 2021.

O Concello de Carballo está a realizar unha importante aposta polo Coworking, un espazo de traballo compartido ideado para impulsar a creación, posta en marcha e consolidación de empresas vinculadas, preferentemente, aos ámbitos da cultura, as novas tecnoloxías, o sector audiovisual ou o turismo.

Na actualidade, no Carballo Coworking estanse a desenvolver 11 iniciativas empresariais nas que traballan 15 coworkers procedentes de diferentes municipios da Costa da Morte como Camariñas, Muxía, Zas, Ponteceso e, na súa maior parte, Carballo.
Entre os usuarios atópanse emprendedores con proxectos en fase de preincubación, destinadas á creación de empresas, e tamén autónomos que buscan unha serie de servizos e infraestruturas para mellorar as súas posibilidades de éxito.

Ademais dos 156 metros cadrados habilitados para un total de 18 postos de traballo, as persoas usuarias do coworking teñen á súa disposición un auditorio con capacidade para 100 persoas para actos públicos e presentacions, e acceso a medios audiovisuais e internet de alta velocidade.

Máis información no 881 983 520.